Aberto prazo inscrición Parlamento Xove

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, vén de abrir o prazo de inscricióparlamenton para a oitava edición do Parlamento Xove, un programa de debate que ten por obxecto fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias. Esta iniciativa está estruturada en dúas categorías diferenciadas por idades e tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º de Secundaria e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato de centros de ensino galegos. En total poderán participar 48 equipos (24 por cada categoría). Os equipos estarán formados por catro alumnos e un profesor, que será o coordinador. O prazo de inscrición rematará o vindeiro 30 de xaneiro ou cando se esgoten as prazas que serán concedidas por rigorosa orde de inscrición.

O Parlamento Xove é unha competición na que os diversos equipos inscritos investigarán, escribirán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. Parlamento Xove nace dun modelo participativo que permite aos mozos e mozas desenvolver a capacidade de levar a cabo diálogos respectuosos e produtivos e permítelles medrar no emprego de ferramentas democráticas. Os mozos realizan debates de carácter argumentativo que permiten a discusión sobre o tema proposto no que gañarán non os equipos que necesariamente teñan a razón, senón os que mellor sustenten as súas ideas.

Durante o transcurso destes debates dialécticos, os mozos desenvolven valores como da capacidade de selección de información, a expresión escrita e oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. O Parlamento Xove fomenta tamén a toma de conciencia no comportamento democrático e o respecto polas ideas dos demais.

Parlamento Xove, como actividade na que participa alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas como a competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita; e compresión oral e escrita); a competencia matemática, xa que en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; a competencia social e cidadá que contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; a competencia cultural e artística dado que nos debates se esixe o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e a competencia para aprender e iniciativa persoal.

Logotipo cabecera