O CONCELLO DE VIGO ADOPTA MEDIDAS POLOS LUMES

ATENCIÓN INCENDIOS

O Concello de Vigo pon a disposición da cidadanía un teléfono e un correo electrónico para atender cuestións relacionadas cos incendios dos días 15 e 16 de outubro.

A través deste servizo, as persoas interesadas poderán dar conta dos danos persoais e materiais sufridos por mor dos lumes, cos que o goberno municipal elaborará un listado de incidencias e necesidades.

Ademais todas aquelas persoas que desexen colaborar poderán anotarse para participar nas actividades de voluntariado que organizaremos para a recuperación dos montes vigueses.

O número de teléfono habilitado é o 986616388. O horario de atención é de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.

O enderezo electrónico de contacto é atenciondanosevoluntarios@vigo.org

 

 


O goberno vigués está a adoptar medidas para evitar a erosión do solo afectado pola vaga de lumes da anterior fin de semana. Informou o alcalde da adquisición de tea biodegradable que actuará como barreira e da distribución de 34 toneladas de palla seca polos montes. Caballero anunciou a apertura dunha oficina municipal de asesoramento aos afectados polos lumes.

Abel Caballero anunciou a instalación de barreiras de contención nos montes afectados polos incendios co obxectivo de evitar eventuais arrastres de cinza e frear a erosión do solo.

“Compramos tea biodegradable que vamos estender a modo de barreiras nos montes”, explicou Caballero, a instalar de forma transversal á pendente para que, de haber arrastre de cinza por chuvias, quede detida por ata tres barreiras de tea.

Co mesmo obxectivo de deter a erosión do terreo e axudar á súa rexeneración, esta fin de semana o Concello de Vigo comezou coa distribución de 17 toneladas de palla seca no Monte Alba, unha medida que terá continuidade no Monte dos Pozos co encargo doutras 17 toneladas a cargo do goberno local, segundo explicou Caballero.

Abel Caballero informou tamén da colocación de comedeiros para aves silvestres no Monte Alba, Matamá e Comesaña, con alimento elaborado polos veterinarios especialistas de VigoZoo e emprazado por biólogos en zonas estratéxicas do monte que non foi afectado polo lume. O Concello está a comprobar se esta medida está a ser efectiva ben para repoñer o alimento, ben para cambialo de localización.

Ademais, o alcalde anunciou esta mañá que o servizo de Bombeiros de Vigo está a realizar inspeccións na cidade en materia de prevención de novos lumes e ata que as condicións climatolóxicas non garantan un certo nivel de humidade “razoable”.

Oficina
Caballero avanzou que mañá mércores entrará en funcionamento unha oficina de municipal de atención e apoio aos afectados polos lumes, espazo no que se asesorará aos particulares sobre os distintos modelos establecidos para a solicitude de axudas públicas ante as administracións correspondentes.

O rexedor trasladou á cidadanía que “todos aqueles que teñan que facer unha solicitude saiban que teñen unha oficina neste Concello á súa disposición”, con información sobre os modelos de solicitude de achegas recollidos na lei 307/2005 e do decreto 102/2017.

Axudas
No relativo ás axudas que solicitará o Concello de Vigo, Caballero adiantou que a Alcaldía redactará unha declaración de solicitude de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, dirixida aos ministerios de Interior e de Facenda e Administracións Públicas. A declaración, engadiu, virá seguida dunha ratificación polo Pleno de Vigo e dunha memoria detallada que o goberno vigués xa está elaborando.

O alcalde expuxo que a administración que preside pretende que o Goberno de España teña constancia da petición viguesa e apuntou que o Consello de Ministros pode atender a solicitude incluso antes de ter recibido a memoria completa, que será remitida ben como parte da solicitude, ben para a avaliación dos danos no caso de ser aceptada a declaración con anterioridade.

Nesta petición, o Concello solicitará a adopción de todas as medidas contempladas na Lei 17/2015 así como calquera outra que se considere necesaria entre as recollidas na disposición adicional cuarta. Ao amparo da nomeada lexislación, asegurou Caballero, Vigo reclamará asemade ao Goberno de España a constitución dunha comisión -composta por representantes das administracións implicadas- para a coordinación e o seguimento das medidas adoptadas polo Estado.

Por último, o Concello de Vigo instará ao Goberno de España a que presente á Comisión Europea a solicitude de axuda económica do Fondo de Solidariedade da Unión Europea.

Logotipo cabecera