Estar de ocio

Presentámosvos o novo proxecto da Concellería de Xuventude “Estar de ocio”, unha alternativa de lecer para os adolescentes durante as fins de semana en Vigo. O proxecto está destinado a mozos e mozas de entre 13 e 17 anos residentes en Vigo ás/aos que se propón pasar o seu tempo libre de maneira diferente pretendendo previr o consumo de drogas e outras adiccións como a adición ao xogo, fomentando un estilo de vida positivo a través de obradoiros e dinámicas lúdicas, participativas e que fomenten as relacións baseadas no respecto e a igualdade.

A proposta está formada por un conxunto de obradoiros, actividades e concertos. Simultaneamente desenrolaranse 4 obradoiros, cada un deles terá unha duración de 1.30 horas. Pasado este tempo rotaremos de xeito que tódolos interesados/as poidan gozar de todas as actividades propostas. Ademais, contaremos con varios mini-concertos de 30 minutos cada un por sesión realizados por grupos de música local (rock, pop, electrónica, indie, etc.).

Pretendemos non só que ocupen o tempo libre de forma saudable, senón que atopen neste espazo un lugar onde desenvolver a súa creatividade e mostrarlles unha amplitude de posibilidades para elixir e así formar o seu sentido crítico. Exporanse temáticas que teñan relación cos seus intereses e gustos e que fomenten a interactividade e conexión entre eles.

Contaremos, entre outros, cos seguintes obradoiros:

  • Obradoiro de GRAFFITI, no que profesionais deste campo ensinaranlles como utilizar os materiais cos que se traballa e como crear esta arte urbana.

  • Obradoiro de RAP, no que aprenderán a expresar o que senten e o que pensan aprendendo a compoñer as súas propias cancións.

  • Obradoiro de REGUEIFAS, no que se achegarán á tradición oral, compoñendo os seus primeiros versos e coplas improvisadas.

  • Obradoiro de POESÍA, un espazo de creación poética, onde os versos libres fluirán desde a experiencia directa, a improvisación e o debate.

  • Obradoiro de CAPOEIRA, no que mellorarán as súas condicións físicas, desenvolverán a coordinación motora e o equilibrio, a axilidade, flexibilidade e destreza.

  • Obradoiro de HIP HOP e breakdance.

  • Obradoiro de COMIC e pintura, no que explorarán no inmenso mundo da pintura e iniciaranse no cómic.

  • Obradoiro de TEATRO e expresión corporal, no que se iniciarán nas técnicas teatrais, no traballo corporal e na creación de sketches.

ESTAR DE OCIO arranca o primeiro fin de semana de abril e contará con actividades repartidas de venres a domingo de 17 a 21 horas na Casa da Xuventude de Vigo.

Logotipo cabecera