Novo sendeiro interpretativo en Ons

emerald-lizard-50366_960_720Convoca: PNIAG

Contido: O PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS DE GALICIA CONTA NA ILLA DE ONS CUN NOVO SENDEIRO INTERPRETATIVO SOBRE O LAGARTO ARNAL

Percorrendo este pequeno sendeiro terás oportunidade de coñecer o hábitat dun dos elementos da fauna do Parque Nacional das Illas Atlánticas máis singulares; o Lagarto arnal (Timon lepidus).
Na senda, abeirada por algunhas das mellores panorámicas do parque, obsérvanse os afloramentos pétreos e ruínas de antigas vivendas onde atopa refuxio este xigante entre os réptiles europeos. O sendeiro conta con balizas interpretativas que axudan a comprender a beleza e interese desta especie.
O lagarto arnal (Timon lepidus) é unha especie de gran interese natural no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Como outros pequenos vertebrados, os lagartos ficaron separados de terra firme ao formarse estas illas, hai uns 9000 anos, co ascenso do nivel do mar. Este illamento deu lugar a diferencias na súa morfoloxía e nas súas estratexias vitais. Os lagartos das illas son máis grandes e gústalle máis vivir en grupo que aos de terra firme.
Os lagartos arnais do Parque viven nas matogueiras. Precisan dunha mixtura de mato, pedras sen sombra onde se expoñer ao sol, e áreas abertas dominadas por herbas onde cazar. Os muros de pedra e as ruinas son un refuxio ideal. O abandono dos cultivos tradicionais e a desaparición do gando fan diminuir a diversidade destes medios, polo que ás veces e necesario facer rozas selectivas.
As matogueiras destas características albergan tamén unha gran biodiversidade: anfibios, réptiles, insectos e outros pequenos invertebrados que pasan desapercibidos pero que teñen un gran valor científico e ecolóxico. Tamén moitas plantas como unha subespecie de toxo (Ulex europaeus subsp. latebracteatus) exclusiva de Galicia e Portugal ou a xesta insular(Cytisus insularis) que só existe neste Parque Nacional.

Logotipo cabecera