O Centro de Linguas abre cursos estivais a alumnado Bacharelato

idiomasOfertaranse clases de inglés, alemán, francés, italiano, portugués e xaponés. O prazo de inscrición xa está aberto por vía telemática
Aínda que abertos a toda a cidadanía, os cursos de verán do Centro de Linguas da Universidade están especialmente pensados para o estudantado que no seguinte curso vai ter unha estadía internacional dentro de programas de mobilidade como o Erasmus. Pero neste verán de 2016 a principal novidade da convocatoria estival é que se oferta un curso de inglés específico para estudantes de Bacharelato, ao tempo que se abre a matrcícula de todo o catálogo docente a maiores de 16 anos.
O curso para o alumnado preuniversitario centrarase na comprensión e expresión oral e contará con dous grupos, un do 29 de xuño ao 12 de xullo e outro do 13 ao 27 de xullo, ambos en horario de mañá na Escola Universitaria de Estudos Empresariais

Seis idiomas para aprender durante o verán

Nos meses de xuño, xullo e setembro o Centro de Linguas organiza cursos intensivos de seis idiomas e entre dúas e oito semanas de duración, nos que ademais da formación xenérica, fíxanse obxectivos para acadar un nivel de lingua ou están orientados á formación de estudantado que vai realizar cursos no estranxeiro no marco de programas de mobilidade, aínda que a matrícula está aberta a toda a cidadanía.
Neste verán ofértase un curso de xaponés de supervivencia (30 maio ao 23 xuño), así como tres niveis de portugués (A2, B1 e B2) e dous de italiano (A1 e A2). De alemán ofértanse catro niveis e diferentes datas, que comprenden os meses de xuño, xullo e setembro, igual que sucede co francés. No caso do inglés haberá cursos intensivos de diferente niveis nos tres campus aos que se suman os cursos de comprensión e expresión orais para estudantes de Bacharelato e outros interesados. Paralelamente haberá seminarios para a preparación de exames oficiais e o curso de Iniciación á Ensinanza do Español como Lingua Estranxeira do Instituto Cervantes. Como vén sendo habitual nos últimos veráns, o Centro de Linguas organiza tamén o Curso intensivo de Español para Estranxeiros que se impartirá para diferentes niveis e en diferentes datas. Tamén existe a posibilidade de matricularse no curso de didáctica do español como lingua estranxeira, destinado a formar profesores, ou futuros profesores, que orientan a súa carreira á ensinanza do español como lingua estranxeira por medio de técnicas e ferramentas básicas para o correcto exercicio deste tipo de ensino.

Logotipo cabecera