OBRADOIROS NA CASA DAS MULLERES

A Concellería de Igualdade do Concello de Vigo abre o prazo de inscrición para os seguintes obradoiros de carácter gratuíto que se impartirán na Casa das Mulleres durante o primeiro semestre de 2018.

As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Daráselles preferencia ás persoas empadroadas en Vigo e que non realizaran esta formación con anterioridade.

Inscrición previa desde o venres, día 26 de xaneiro, e ata cubrir prazas na Concellería de Igualdade, 1.ª planta da Casa do Concello de 9:00 a 13:30h, ou ben a través do tfno. 986 810 284, en horario de 8:30 a 15:00h.

Lugar de realización dos obradoiros: Casa das Mulleres, rúa Romil, número 20 .
PROGRAMA:

“OBRADOIRO DE PINTURA E XÉNERO”

Dirixido a: mulleres maiores de 18 anos

Obxectivos: introducción na práctica da pintura e o debuxo experimentando coas técnicas e os procedementos que permitan a expresión e faciliten a autonomía creadora. Achegamento á historia da arte e á historia da pintura desde unha perspectiva crítica, analizando o modelo dominante. Coñecemento de mulleres pintoras e a súa obra.

Contidos: as mulleres como modelos da representación e como creadoras. Pintoras na historia. As pioneiras. Exercicios temáticos; a autorepresentación e a auto imaxe. A abstración e o decorativo. A reivindicación do propio. A artesanía como técnica de experimentación. Pintura e xénero. A representación do dómestico.

O desenvolvemento do programa consta de 45 horas en total, distribuídas en 15 sesións de 3 horas de duración cada unha.

Período e horarios: os luns desde o 19 de febreiro ata o 28 de maio de 18:00 a 21:00 h.

“OBRADOIRO DE INICIACIÓN AO TEATRO: O CORPO EXPRESIVO”

Dirixido a: mulleres maiores de 18 anos

Obxectivo: busca e experimentación das múltiples posibilidades do corpo expresivo. Conquerir un maior coñecemento do noso corpo para convertelo nun corpo expresivo. Achegamento ás emocións: a alegría, a tristeza, o medo, a ira, a tenrura…. Potenciar a improvisación teatral como ferramenta esencial para crear historias.

Contidos: xogo dramático. Dinámicas de grupo. Exercicios e xogos para un maior coñecemento do noso corpo e da nosa expresividade. Achegamento ás emocións a través do corpo expresivo. A improvisación teatral.

O desenvolvemento do programa consta de 40 horas en total, distribuídas en 16 sesións de 2:30 horas de duración cada unha.

Período e horarios: os martes desde o 20 de febreiro ata o 19 de xuño de 18:00h a 20:30h.

“OBRADOIRO DE ZENTAGLE”

Dirixido a: mulleres maiores de 18 anos

Obxectivos: diminuíir a tensión (estrés) e mellorar a atención das persoas a través do debuxo. Mellorar a autoestima, a autovaloración e o empoderamento. Potenciar a resolución creativa de problemas. Aumentar a creatividade e as nosas habilidades sociais.

Contidos: introdución ao método Zentangle. Exercicios prácticos. Traballo coas sombras para crear interese e dinamismo no noso debuxo. Creación de tesalas individuais e colectivas.

O desenvolvemento do programa consta de 16 horas en total, distribuídas en 8 sesións de 2 horas de duración cada unha.

Período e horarios: os venres desde o 23 de febreiro ata o 20 de abril de 18:00 a 20:00h.

“OBRADOIRO DE SENSIBILIZACIÓN EN XÉNERO E IGUALDADE DE OPORTUNIDADES”

Dirixido a: homes e mulleres maiores de 18 anos

Obxectivos: diferenciar o sistema sexo-xénero, contribuír a desnaturalizar os roles e os estereotipos de xénero. Coñecer as implicacións e consecuencias tanto no persoal como no económico e social, do proceso de socialización diferencial. Desnegativizar o concepto de conflito e dotar de ferramentas ao alumnado participante para unha resolución asertiva. Recoñecer os tipos de violencia ás que estamos expostas as mulleres polo feito de selo, sensibilizar e visibilizar outras violencias que resultan máis sutís (micromachismos).

Contidos: o proceso de socialización diferencial: o sistema sexo-xénero, axentes que interveñen no proceso, a linguaxe como elemento transversal. As consecuencias da socialización diferenciada: consecuencias no ámbito persoal e consecuencias no ámbito socio-económico. O conflito. Estilos actitudinais ante o conflito e técnicas para unha resolución satisfactoria: concepto de conflito, estilo agresivo, pasivo e asertivo. As violencias machistas: tipos de violencia (psicolóxica, económica, física, sexual, micromachismos) orixes e causas, o círculo da violencia…

O desenvolvemento do programa consta de 20 horas en total, distribuídas en 10 sesións de 2 horas de duración cada unha.

Período e horarios: os mércores desde o 4 de abril ata o 6 de xuño de 18:00 a 20:00 h.

Logotipo cabecera