YOUTUBEIR@S, Concurso que quere encher a rede de vídeos en galego

youtuberA UDC, a través do Servizo de Normalización Lingüística, participa no Proxecto Youtubeir@s (Concurso de Vídeos na Rede)

Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos.

Prazo de presentación: O prazo de presentación dos vídeos para participar en Youtubeir@s-Concurso de Vídeos na Rede é ate 28 de abril de 2017.

Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña, segundo se recolle nas bases www.youtubeiras.gal.

Os vídeos autoproducidos en galego, deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons e dispoñibles na rede social YouTube.

As persoas participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde elaborar unha receita ata como instalar un programa informático); e Vídeo-opinarmos, para vídeos en que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade…).

Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

Logotipo cabecera