III Premio Camiño de Novela de Santiago

A Academia Xacobea en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e o patrocinio de Aluminios Cortizo S.L., convoca o III Premio de Novela Camiño de Santiago cuxa obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia, co fin de promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo.

Os autores e autoras só poderán enviar unha obra a concurso, que deberá ser orixinal e inédita en todos os formatos e non poderá ser premiada noutros concursos.

O Camiño de Santiago será o tema referencial para a ficción narrativa, que deberá estar presente, de maneira notoria na obra na súa vertente física, histórica, cultural, social ou imaxinaria.

Poderanse presentar novelas, relatos e conxuntos de relatos. Terán unha extensión mínima de 200 páxinas a dobre espazo e tipo de letra arial 12, con marxes non superiores a 3 cms.

Os autores remitirán as súas obras, na forma, prazo e requisitos que se establecen a continuación.

Enviarase o arquivo en PDF da obra completa ao correo info@academiaxacobea.gal sen mencionar a autoría, e dous exemplares mecanografados, en papel, tamaño folio, a dobre espazo á dirección postal:
Cidade da Cultura. Edificio CEM. Local 13.
Monte Gaiás. 15707 Santiago de Compostela.

Requisitos:
A este premio poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen cunha novela escrita en castelán ou galego, conforme ás normativas establecidas, en cada caso, pola Real Academia Española e a Real Academia Galega.  

Dotación:
Será outorgado un único premio dotado con 3.000€. O gañador ou gañadora recibirá tamén un diploma acreditativo e verá a súa obra publicada en galego e castelán pola Editorial Galaxia a través da súa colección literaria e do seu selo Mar Maior, respectivamente.

A contía do premio inclúe a adquisición dos dereitos da primeira edición (publicación, distribución e explotación) en castelán e galego do texto gañador. Estes dereitos corresponden, en exclusiva, á Academia Xacobea, que publicará a obra a través da Editorial Galaxia S.A.

Ademais faranse entrega de vinte exemplares ao autor ou autora gañadora.

Así mesmo establécese un accésit sen dotación económica para a mellor obra literaria presentada na lingua que non obteña o primeiro premio, ao que se concederá tamén diploma acreditativo.

As novelas enviaranse antes do 30 de novembro de 2024.

Convoca: A Academia Xacobea

Máis información:
info@academiaxacobea.gal


Bases da convocatoria