A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, convoca subvencións ás entidades de acción voluntaria, tanto ás de carácter asociativo como ás que teñan o carácter de entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia, inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, para o financiamento da elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, que conteñan actividades baseadas no recoñecemento da experiencia das persoas maiores que poidan servir como catalizador para fomentar as iniciativas das persoas máis novas, naqueles sectores e actividades que presenten maiores dificultades de remuda xeracional.
Os proxectos deberanse desenvolver coa participación de persoas voluntarias a través de grupos interxeracionais, que estarán integrados por un sistema de parellas que estará formado por unha persoa voluntaria de 55 anos ou máis e unha persoa voluntaria de 16 a 35 anos, sen prexuízo de integrar outras idades ata os 54 anos. A persoa voluntaria de 55 anos ou máis encargarase de titorizar a persoa voluntaria de 16 a 35 anos coa que forma o grupo interxeracional.
Ademais, as actuacións teñen que ir dirixidas a un ou varios dos seguintes obxectivos no ámbito territorial definido por concellos de carácter rural:
a) Deseño e estruturación dunha nova economía de coidados baseada na atención centrada na persoa.
b) Recuperación e/ou anovación de actividades e oficios relacionados coa produtividade da zona.
c) Impulso de novas iniciativas locais en materia de produción de produtos agroalimentarios de calidade e sustentables de cara a súa proxección no mercado.
d) Recoñecemento e posta en valor da riqueza ambiental, patrimonial ou turística da zona coas súas fortalezas e debilidades.
e) Deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.
As liñas subvencionables son as seguintes:
a) Liña 1. Coidados: proxectos orientados á identificación de situacións e necesidades de coidados, baseadas en casos reais detectados na zona, e enfocados ao acompañamento ou apoio no fogar de persoas autónomas pero que precisen coidados ou apoios puntuais en determinados períodos de tempo, coa finalidade de promover bolsas de emprego con persoas con formación e capacitación para atender as solicitudes detectadas na zona.
b) Liña 2. Agroalimentaria: proxectos orientados a promover cultivos ecolóxicos e sustentables baseados na economía tradicional da zona e/ou impulso de novas iniciativas con posibilidades de proxección no mercado en transición cunha economía circular e sustentable.
c) Liña 3. Protección do ambiente: proxectos orientados á protección e/ou recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas e visualización de zonas especialmente vulnerables desde o punto de vista medioambiental.
d) Liña 4. Turística: proxectos orientados á promoción do turismo rural e localización de potenciais zonas ou edificacións susceptibles de aproveitamento para esta finalidade.
e) Liña 5. Cohesión tecnolóxica e dixital: proxectos orientados ao deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades locais ou agrupacións delas que teñan a consideración de entidades locais de carácter rural e as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que desenvolvan proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural.
As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co código do procedemento é BS508E
A execución dos proxectos de Voluntariado interxeracional no medio rural terá lugar desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2025.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 14 de febreiro de 2025.
Máis información no DOG do 14 de xaneiro de 2025