A Aula Newton Galicia, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), vén de abrir os prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, prevista para o período comprendido entre febreiro e xuño.
Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato, esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador.
O alumnado participante terá a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea. Segundo informan fontes da Tecnópole, nestes intres a Aula Newton Galicia dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas se convertan en pilotos por un día.
Haberá que responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, o alumnado porase á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.
https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia