A Xunta de Galicia convoca o programa programa Conecta co Voluntariado en Galicia, un programa dirixido fundamentalmente á mocidade galega residente no estranxeiro, con idades comprendidas entre os 21 e os 30 anos, que se desenvolverá entre os días 26 de agosto e 6 de setembro nas seguintes instalacións:
a) Campo de voluntariado ambiental: desenvolveranse tarefas de adecuación do espazo ambiental mariño e costeiro na ría de Arousa (provincia de Pontevedra).
b) Campo de voluntariado cultural: desenvolveranse tarefas de apoio ao equipo de escavación e mantemento do castro de Viladonga, no concello de Castro de Rei (provincia de Lugo).
Os mozos e mozas que escollan o voluntariado ambiental aloxaranse no Albergue Xuvenil das Sinas (tendas de campaña), no concello de Vilanova de Arousa, e as que desempeñen as actividades de voluntariado cultural, no Hotel Río Lea (habitacións dobres), no concello de Castro de Rei. En calquera caso, será en réxime de pensión completa.
Unha vez finalizado o programa, as persoas participantes que así o manifesten na solicitude poderán prorrogar a súa estadía en Galicia durante un período aproximado de 15 días máis, contados desde o día 6 de setembro.
A Xunta de Galicia farase cargo da organización da viaxe, dos traslados en avión das persoas participantes residentes no estranxeiro mediante o financiamento total do custo dos voos de ida e volta, así como tamén, para o caso de persoas que residan a máis de 400 km dos aeroportos internacionais de saída e chegada, dos voos internos dentro do país de residencia ata o aeroporto de saída. As viaxes en avión desde o lugar de procedencia e de volta a este serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, inclúese o transporte daquelas persoas beneficiarias que retornen na data de finalización do programa desde os aloxamentos asignados para cada campo de voluntariado ata o aeroporto de saída.
Requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 21 e os 30 anos o día 20 de xullo de 2025.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega residente no exterior.
c) Posuír a nacionalidade española.
d) Atoparse vinculada con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de 3 meses
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario PR930C dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
O prazo estará aberto ata o 26 de maio de 2025
Máis información no DOG do 24 de abril de 2025 e en http://emigracion.xunta.gal/