Unha tese evidencia o impacto das redes sociais e da autoestima nos trastornos de conducta alimentaria na adolescencia. Nela afóndase en como o traballo social pode axudar ás persoas e familias afectadas.
Na súa tese de doutoramento, a investigadora e traballadora social Paula Frieiro analizou a influencia das redes sociais e da autoestima sobre os crecentes trastornos da conduta alimentaria (TCA) na adolescencia e a posíbel resposta desde o traballo social a estas enfermidades, que están influenciadas por múltiples factores: biolóxicos, psicolóxicos e socioculturais.
Segundo explica a xa doutora, é “transcendental o estudo da autoestima relacionada cos TCA, por vincularse de maneira central coa construción da propia imaxe corporal e por ser un factor mediador no risco de condutas asociadas aos trastornos da conduta alimentaria”. De igual forma, engade, a crecente socialización a través de redes sociais xera situacións de comparativa social, que “caracterízanse por ser frecuentes na adolescencia, oscilando nesta etapa entre un 6% e un 8%”.
Na tese identificouse que o 90% das persoas ás que se diagnostican TCA son mulleres. Froito da investigación, indica que “conclúese necesario impulsar a prevención relacionada co uso das redes sociais, de forma que se fomenten habilidades como o pensamento crítico sobre a información que se percibe a través destes medios. Os primeiros cursos de Educación Secundaria Obrigatoria son determinantes para a prevención-intervención dos TCA”.
A tese abordou a resposta desde o traballo social a esta problemática, subliñando que a intervención e acompañamento social pode conducir a “unha mellora substancial a nivel individual e familiar dos TCA”. A tese apunta que o traballo social pode mellorar o impacto sobre o proxecto de vida da persoa afectada e mellorar as dinámicas familiares.
https://www.investigo.biblioteca.uvigo.es/xmlui/handle/11093/4386