A Real Academia Galega estrea na súa web un novo espazo no que irá amosando ao longo do Ano Castelao os fondos que custodia relacionados coa vida e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dende manuscritos e fotos ata materiais bibliográficos e hemerográficos.
O novo sitio de academia.gal consta de dúas seccións.
En Castelao na RAG preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual rianxeiro que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. Este espazo acolle tanto os documentos gráficos e textuais conservados no arquivo da Real Academia Galega —manuscritos dalgunhas conferencias, textos da súa autoría e outros documentos que sinalan a pegada que deixou Castelao— coma a súa presenza nos fondos bibliográficos e hemerográficos.
Na outra sección, Pezas destacadas, membros da RAG e outros especialistas presentarán cada mes unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra de Castelao.
A primeira peza da colección da RAG que se amosa é a bandeira do Consello de Galiza, denominada bandeira de Castelao, empregada nas exequias do escritor en Bos Aires, que foi doada á Academia pola súa viúva.