A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude promove o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.
O obxectivo que se persegue é crear un órgano específico para a participación activa da infancia e adolescencia onde os nenos, nenas e adolescentes adquiran un protagonismo real, colaborativo e voluntario, fomentando o desenvolvemento das súas capacidades e a asunción de responsabilidades, para a promoción do diálogo entre o Consello e a Administración pública.
O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia é un órgano colexiado consultivo e de participación, cuxo fin é articular a intervención dos nenos, nenas e adolescentes, facilitándolles un espazo para que expresen, propoñan ideas e tomen decisións no ámbito autonómico sobre aquelas cuestións que os afecten directa ou indirectamente.
As funcións do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia son as seguintes:
a) Exercer de órgano de participación de todas as persoas menores de idade residentes en Galicia.
b) Representar os intereses e puntos de vista de nenos, nenas e adolescentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Involucrar a infancia e a adolescencia na toma de decisións que as afecten, promovendo a súa participación.
d) Recibir e escoitar todas aquelas demandas, propostas e queixas que lle fagan chegar os nenos, nenas e adolescentes e canalizalas a través dos seus representantes no Consello.
e) Trasladar as opinións, as necesidades, os intereses e as inquietudes da infancia e adolescencia á Xunta de Galicia.
f) Ser receptor, dinamizador e xerador de opinións e propostas entre os nenos, nenas e adolescentes, exercendo de canle de comunicación entre as nenas e os nenos de Galicia e as autoridades locais, velando para que as súas achegas sexan valoradas e tidas en conta á hora de facelas chegar ao Goberno autonómico.
g) Solicitar información e ser consultado sobre as actuacións da Xunta de Galicia relativas a temas de interese para a infancia e a adolescencia. Os informes emitidos terán carácter facultativo e non vinculante.
h) Realizar propostas aos organismos competentes en materia de infancia e adolescencia sobre cuestións que afectan nenos, nenas e adolescentes e para mellorar as súas condicións de vida. As propostas, en forma de recomendacións, recollerán a pluralidade dos/das participantes, tendo en conta a equidade, a diversidade e a perspectiva de xénero.
i) Manter canles de comunicación directa co Observatorio Galego da Familia e da Infancia e coa Administración pública.
j) Realizar o seguimento da execución das propostas recomendadas que fosen aprobadas pola Xunta de Galicia.
k) Favorecer a visión positiva dos nenos, nenas e adolescentes e contribuír á sensibilización social cara á súa capacidade e os seus dereitos de cidadanía, en especial a súa participación democrática.
l) Velar polo cumprimento e despregamento da Convención sobre os Dereitos do Neno.
m) Propoñer informes e estudos propios sobre materias relacionadas coa infancia e a adolescencia. Favorecer especialmente estudos de impacto das actuacións que se realicen a favor da participación infantil nos diversos ámbitos como da protección á infancia, da diversidade funcional, de xénero, entre outras do seu interese.
n) Propoñer a realización de actividades, xornadas, seminarios e campañas que fagan visibles as achegas de nenos, nenas e adolescentes na sociedade.
ñ) Promover o asociacionismo infantil e adolescente e, en xeral, a participación democrática, así como as relacións, a coordinación e o dinamismo entre as entidades infantís como as asociacións, os consellos locais de infancia, entre outros, e as dirixidas á infancia.
o) Facilitar a participación de nenos, nenas e adolescentes noutros órganos consultivos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
p) Difundir o seu traballo e garantir a representación de nenos, nenas e adolescentes noutras plataformas, organismos do ámbito local, autonómico, estatal e internacional.
q) Promover a creación dos consellos de participación local e doutros consellos para dar a oportunidade aos nenos, nenas e adolescentes de participaren activamente e plenamente nos seus núcleos de convivencia máis inmediatos e na vida social, política, cultural, artística e recreativa da súa contorna.
r) Participar na elaboración, seguimento e avaliación das políticas públicas promovidas pola Xunta de Galicia e dirixidas á infancia e a adolescencia e noutras que a poidan afectar.
s) Reflexionar sobre os mecanismos de participación ao alcance dos nenos e nenas e propoñer os cambios e melloras pertinentes, se é necesario.
t) Fomentar a aprendizaxe mutua entre os axentes que toman parte no proceso de participación.
u) Promover consultas dirixidas a outros órganos de participación infantil de ámbito municipal, nacional e europeo.
v) Elaborar e/ou modificar o seu regulamento de réxime interior.
x) Outros aspectos que poidan propoñer os propios nenos, nenas e adolescentes.
DECRETO 12/2023, do 19 de xaneiro, polo que se crea e regula o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.