A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pon en marcha “Formación Dixital”, un programa formativo de carácter gratuíto e 100% online para capacitar en competencias dixitais a máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos, ata 2025.
O obxectivo do programa é impulsar a alfabetización dixital da sociedade galega, no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, facilitando o achegamento á tecnoloxía e a capacitación dixital da cidadanía para que poida desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital actual.
O programa ofrece, neste momento, un curso de nivel intermedio, xa con inscricións abertas a través da web www.formaciondixital.gal A formación ten unha duración máxima de 10 semanas, e ofrece unha aprendizaxe guiada, con contidos formativos e actividades prácticas, ademais de sesións de acompañamento e titorías personalizadas con especialistas para resolver dúbidas e dificultades. De acordo co Marco Galego de Competencias Dixitais, abarca 5 eixos temáticos: información e datos, comunicación e colaboración, creación de contido dixital, seguridade e privacidade, e solución de problemas da contorna dixital.