Lingua de Namorar 2025

A consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua e da Dirección Xeral de Xuventude, convocan #LinguaDeNamorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en galego dirixido á mocidade.
O obxectivo principal é dinamizar o uso da lingua galega entre as mozas e mozos nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.
Incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer e de diversión
Características das mensaxes
As mensaxes de amor deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A extensión máxima da mensaxe será de 350 caracteres, no caso das categorías A e B, e de 200 caracteres, no caso da categoría C, incluídos os espazos en branco en ambos os dous casos.
Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Criterios de valoración
Teranse en conta o grao de elaboración da mensaxe, a orixinalidade e a calidade da lingua. Todas as mensaxes deberán ser inéditas.
A organización do concurso rexeitará as mensaxes de carácter discriminatorio ou ofensivo.
Persoas destinatarias e categorías
Lingua de namorar é un concurso dirixido a toda a mocidade con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos.
Establécense tres categorías de idade:
Categoría A: de 14 a 19 anos
Categoría B: de 20 a 35 anos
Categoría C: de 14 a 35 anos
Premios
Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade A e B:
1º Tableta Samsung Galaxy S9 ou equivalente
2º Altofalante bluetooth JBL
3º Cascos sen fíos
Establécese un único premio pola categoría de idade C:
1 Tableta Samsung Galaxy S9 ou equivalente
Procedemento de participación
No caso das categorías A e B:
Para enviar as mensaxes cumprirá rexistrarse na páxina do concurso (http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar) para o que se deberá cubrir un formulario de inscrición.
Todas as mensaxes serán publicadas na páxina do concurso e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. As mensaxes gañadoras serán as únicas que se identifiquen co nome e apelidos das autoras e autores.
No caso da categoría C (exclusiva para a rede social Instagram):
Cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.
As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación, engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.
Prazo de presentación
A data límite para enviar as mensaxes é o 17 de marzo.
Votación
No caso das categorías A e B:
Haberá dúas fases de selección:
1. Habilitarase unha votación do público, desde o 18 ao 23 de marzo. As persoas que queiran votar tamén deberán rexistrarse na páxina do concurso. Cada usuario/a poderá votar por un máximo de tres mensaxes en cada unha das categorías de idade.
2. Posteriormente, o xurado do concurso elixirá as declaracións gañadoras de entre as 50 mensaxes máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha destas modalidades.
No caso da categoría C:
A mensaxe gañadora seleccionarase tamén en dúas fases, con orde inversa ás anteriores categorías:
1. O xurado do concurso fará unha preselección de 6 mensaxes de entre todas as presentadas en prazo que respecten o indicado nestas bases.
2. O 31 de marzo daranse a coñecer as 6 mensaxes preseleccionadas polo xurado, que concorrerán á votación final do público do 1 ao 6 de abril. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade un maior número de gústame por parte do público. No caso de que exista empate entre dúas ou máis mensaxes prevalecerán no cómputo o número de
gústame dados por parte de seguidores/as de @xuventudegalicia e @linguagalega.A organización reserva o dereito de establecer calquera outro procedemento de desempate.
Xurado
O xurado do concurso estará conformado por unha persoa representante da Secretaría Xeral da Lingua, unha representante da Dirección Xeral de Xuventude, unha escritora ou escritor recoñecido en lingua galega; Alba Guzmán Falcón, gañadora do 1o premio de Novela Curta Xuventude Crea 2024, e Alexandre Guerra Corbillón, gañador do 1o Premio Xuventude Crea 2024 de Poesía.
Resolución
A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 11 de abril. Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas daranse a coñecer publicamente en http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos IG @XuventudeGalicia e @LinguaGalega.
No caso da categoría C, a persoa autora da mensaxe gañadora poñerase en contacto coa organización antes do 22 de abril para reclamar o premio e facilitar os datos de contacto.
Entrega de premios
A data de entrega de premios publicarase no espazo web específico deste concurso.
Aceptación das bases
A participación neste concurso implica a plena aceptación destas bases. A organización reserva o dereito de modificar e interpretar as bases deste concurso sempre e cando sexa necesario para o seu bo desenvolvemento.