Abel Caballero deu conta do desenvolvemento de varias actividades coas que o Concello busca “o ocio educativo para nenas e nenos e a conciliación para nais e pais” durante o Nadal.
As nenas e nenos de entre 3 e 12 anos poderán participar de forma gratuíta nos obradoiros creativos e xogos educativos dirixidos a promover valores de igualdade en varios espazos da cidade:
– Oficina municipal de Teis os días 23, 26, 27 e 30 de 10:00 a 13:00 horas e os sábados 21 e 28 de 10:00 a 12:30 horas
– Oficina municipal de Bouzas os días 21, 23, 26, 27, 28 e 30 de 10:00 a 12:30 horas
– Centro de Documentación Feminista, na rúa Joaquín Yáñez, os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 09:30 a 14:00 horas e os sábados 21 e 28 de 10:30 a 13:30 horas.
A inscrición pode realizarse ao comezo da actividade, sen necesidade de participar durante todo o horario do campamento.
Campus polideportivo de Reis
O alcalde informou tamén do desenvolvemento dun campus polideportivo nas Travesas; 150 prazas para nenas e nenos de entre 6 e 14 anos. “Un campus de inverno aberto para nenas e nenos da cidade”, apuntou, que terá lugar o xoves 2 e o venres 3 de xaneiro no Complexo Deportivo das Travesas en horario de 9,00 a 14,00 horas.
A cativada participante realizará actividades de balonmán, fútbol sala, voleibol, bádminton e atletismo, entre outras modalidades deportivas. As inscricións poden realizarse na páxina web de Vide.