Programa de axudas á emancipación da mocidade Bono emancípate

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, presenta o programa de axudas á emancipación da mocidade Bono emancípate.

A axuda farase efectiva a través dunha tarxeta virtual, a cal só poderá ser utilizada en establecementos de venda de mobiliario, de electrodomésticos, tendas de decoración e outros establecementos especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías, que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os gastos incluídos no artigo 7 da orde. Esta tarxeta non poderá ser utilizada en compras a distancia.

Poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan unha serie de requisitos, que se indican no artigo 5, como son ter menos de 36 anos de idade; dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos na data da solicitude; non superar os umbrais de ingresos que establece a orde; ser titular na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda que teña unha duración mínima dun ano, ou ter subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda, con posterioridade ao 31 de maio de 2024, entre outros.

A contía total da axuda é de 1.500 € para as persoas mozas que, reunindo os requisitos establecidos nestas bases, soliciten a axuda na súa condición de arrendatarias dunha vivenda diferente da dos/das seus/súas proxenitores/as, e de 3.000 € para as que teñan adquirido unha vivenda en propiedade, con posterioridade ao 31 de maio de 2024 e en todo caso antes da data de remate do prazo de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día 6 de febreiro de 2025 e estará aberto ata o día 30 de abril de 2025, ambos incluídos, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.

As solicitudes tramitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia co procedemento CT501B.

Máis información no DOG do 28 de xaneiro de 2025