Subvencións a proxectos audiovisuais galegos

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos.

Quen pode pedir as axudas?:
Persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes (dadas de alta na epígrafe IAE 961.1) e cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano.

Proxectos subvencionables:

Categoría A. Longametraxes cinematográficas de ficción e animación.
Longametraxes de ficción.
Longametraxes de animación.

Categoría B. Longametraxes cinematográficas documentais.

Categoría C. Longametraxes cinematográficas en coprodución internacional con participación minoritaria española.
Longametraxes de ficción.
Longametraxes de animación.
Longametraxes documentais.

Categoría D. Curtametraxes de ficción, animación ou documentais.

Categoría E. Series para televisión e/ou plataformas de vídeo baixo demanda.
Series de ficción.
Series de animación para público infantil e xuvenil.
Series documentais.

En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan do seu carácter cultural, da utilización da lingua galega na versión orixinal da obra, da súa achega á cinematografía galega e á promoción do talento galego, da súa viabilidade económica e de realización e da calidade da proposta. As subvencións que se concedan deberán ter efecto incentivador, polo que a solicitude deberá terse presentado antes do comezo do proxecto.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 14 de marzo de 2025 en https://sede.xunta.gal co código de procedemento CT207A.
Máis información no DOG do 14 de febreiro de 2025 e en http://www.agadic.gal/
Teléfonos: 881 996 077 e 881 996 078