O Gaiás convértese por décimo quinto ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores e creadoras emerxentes teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais.
O XV Encontro de Artistas Novos celebrarase do 24 ao 28 de agosto de 2025
Este encontro busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes de Galicia e procedentes doutros lugares e tamén permitirlles entrar en contacto con creadores e creadoras de recoñecida traxectoria e con axentes do sector de eidos como a crítica e o comisariado, que participan no encontro como art followers.
Como cada ano, o EAN trae ao Gaiás a destacados nomes do panorama actual da arte contemporánea, como Ana de Alvear, Yoseba MP, Jana Leo, Juana González e Sergio Marey, que compartirán cos artistas emerxentes participantes as súas experiencias e reflexións ao redor do mundo da arte e o proceso de creación.
O EAN15 selecciona 40 artistas emerxentes que durante o encontro realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo así de plataforma e escaparate das súas creacións.
As persoas interesadas en participar deben enviar a solicitude a encontro.cdc@xunta.gal antes das 14:00 horas do venres 23 de maio de 2025.
Máis información: www.cidadedacultura.gal